Alt

05 Olga Novo / Cristina Corral

02 de Maio de 2024

O xoves 2 de maio celebrouse na sede da UNED en Lugo a quinta das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2024, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia. Coa coordinación de Xulio Xiz, leron e comentaron os seus poemas as creadoras Olga Novo e Cristina Corral. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.

OLGA NOVO (Vilarmao - Pobra do Brollón, 1975). Doutora en Filoloxía galega pola USC, posúe os premios Losada Diéguez e os Nacionais da Crítica e de Poesía. O Patronato de Cultura Galega de Montevideo dedicoulle en 2004 o Día da Poesía Galega. Libros sobre a obra de Rodríguez Fer e Novoneyra, acredítana como ensaísta. Luminosos poemarios (‘A teta sobre o sol’, ‘Nós nus’, ‘A cousa vermella’, ‘Cráter’, ‘Feliz idade’…) conságrana como gran poeta.

CRISTINA CORRAL SOILÁN (Lugo, 1976). Escritora, xornalista e profesora de lingua e literatura española. Ten traballado no xornal El Progreso de Lugo e Europa Press. Escribe contos, teatro e cancións para nen@s, colabora en diversos medios, ademais de ser co-editora do fanzine ‘A Revolta’. Dende 2017 co-dirixe o proxecto Espora (Escolas pola Radio) co que traballa en toda Galiza.

O encontro poético entre a veterana creadora e a poeta que xorde con forza coa súa obra, de case dúas horas de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra das dúas escritoras, mutuos comentarios sobre o labor poético de ambas, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta primeira experiencia de expresión poética interxeneracional.

O derradeiro encontro de LUGOPOÉTICA 2024 vaise celebrar o próximo 6 de xuño, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación dos escritores Mero Iglesias Dobarrio e Fco. Javier Neira Pampín.

VÍDEO

 

FOTOS