Alt

04 Xosé Otero Canto / Antonio Calvo

25 de Abril de 2024

O xoves 25 de abril celebrouse na sede da UNED en Lugo a cuarta das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2024, acción promovida por Egeria co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia - Delegación de Lugo e a Xunta de Galicia. Coa coordinación de Xulio Xiz, leron e comentaron os seus poemas os creadores Xosé Otero Canto e Antonio Calvo. O acto comezou con palabras de Ana Traseira, Directora en Lugo da UNED.

XOSÉ OTERO CANTO (Ponte de Outeiro - Castro de Rei, 1951). Catedrático xubilado de Lingua Castelá e Literatura, deuse a coñecer como poeta en 2006, obtivo numerosos premios, e publicou unha vintena de libros de poesía, deles 14 poemarios con títulos como ‘Outono, mancebo céfiro das ás ergueitas’, ‘Salaios da Chaira’, ‘Miño río pai e amigo’, ‘Guía poética da Muralla de Lugo’, ‘Poemas da cidade’, ‘Valuria’, ‘Muralla lúa chea imperial’ ou ‘Sinódica Luz’.

ANTONIO CALVO VARELA (Pontedeume, 1942). Catedrático de Filosofía. Exerceu no IES Lucus Augusti de Lugo e foi xefe de estudos e secretario do Ingabad. De 1991 a 2005 foi delegado provincial en Lugo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Escribe poesía, e un amigo presentou no seu nome un poema ao Certame de Poesía do Belén de Begonte, conseguindo así o seu primeiro premio literario.

O encontro poético entre o veterano creador e o poeta que xorde con forza coa súa obra, de máis dunha hora e media de duración, permitiu coñecer anacos importantes da obra dos dous escritores, mutuos comentarios sobre o labor poético de ambos, e reflexións sobre a poesía, o proceso creativo ou o panorama poético galego, que serán a base -xunto cos contidos do resto das sesións- dunha publicación que recolla esta primeira experiencia de expresión poética interxeneracional.

O próximo encontro de LUGOPOÉTICA 2024 vaise celebrar o próximo 2 de maio, xoves, ás 18:30 horas, no salón de actos da UNED, con entrada libre, coa participación das escritoras Olga Novo e Cristina Corral Soilán.

Vídeo íntegro deste cuarto encontro

VÍDEO

   

FOTOS